xoves, 19 de outubro de 2017

LUMES NUNCA MÁIS

Cadaval de soños

piñeiros e agullas
facendo unha alfombra
debaixo dos pes,
ruxir con ledicia
na miña nenez…
 Olor de resina,
calor de verán,
vestidiño azul
chocolate e pan

 O cri cri dos grilos
 Que están no burato,
 O estalo das piñas,
coa calor de xullo,
frondas de  carballos,
pólas de salgueiros
na beira do río…
auga de cristal
con moitos remansos
frenados nas pedras
con cen pitas cegas
andando na auga
de lado e revés…

 Alí sopra o vento
nas pólas escuras.
 Vento de setembro,
ímonos pra escola
cos libros forrados
olor de cadernos
e zapatos novos…

 Choviscas, nevadas,
xeadas e frío…
tempo de matanza,
castañas e viño…


 ¡Ai, miña nenez!
¿Onde te quedaches
pra nunca volver?
Nos montes, nos ríos,
nas leiras, nas eiras,
nos campos de trigo,
no campo da festa,
na flor do pampillo
no atrio da igrexa
onde ía xogar,
nas pedras, nas herbas;
no olor das figueiras
na terra mollada
na casa pechada…

_¿Onde ides nenos?
_Imos a xogar.
_Ide meus neniños,
se atopades onde,
Un dragón malvado,
anda polo ar.
Respira, resopla,
funga, rosma e queima…
Os nenos e nenas
Cantaron a coro:
“Fagamos goberno
coas bestas do monte:
os lobos, os golpes,
algún cervatiño,
os merlos, as aguias,
correde a voz lonxe,
que todos se enteren
de que hai que loitar.”

_Buscade o consello,
nos vosos maiores,
escoitade contos,
e pintade cores.
 Un pobo precisa
de todo o que é seu,
sen medos, vergoñas,
nin falsos valores.
 Esta terra espera  
os azuis do mar                                                    
voltar a ter cores:
os verdes das herbas
as nubes de auga
e os ceos de ar.
Será.
                          Mar Eume

NO CEIP SOFÍA CASANOVA GOZAMOS DA NOSA TERRIÑA VERDE



POR ISO, CONCIENCIÁMONOS DO DANO PRODUCIDO POLOS LUMES DA PASADA FIN DE SEMANA NOS NOSOS POBOS E MONTES E ANALIZAMOS AS NOVAS QUE NOS ÍAN CHEGANDO DOS DIFERENTES MEDIOS DE INFORMACIÓN.








Ningún comentario:

Publicar un comentario