xoves, 26 de outubro de 2017

TEMOS MOITO CONTO!! de Valentina e Carolina

Valentina e Carolina, de 3º A, fóronlles contar á rapazada de 4 anos o mal que o chegou a pasar A tartaruga que quería durmir.







TEMOS MOITO CONTO! de Inés e Mateo

Inés e Mateo, de 6º A, leron A casa da mosca Fosca... e tan ben o contaron que... fixeron "triplete" en 3 anos, 4 anos e 1º de Primaria!! 






Moitas grazas, rapaces.

xoves, 19 de outubro de 2017



ENCHÚFATE AO GALEGO!


 

ENCHÚFATE A GALICIA 

LUMES NUNCA MÁIS

Cadaval de soños

piñeiros e agullas
facendo unha alfombra
debaixo dos pes,
ruxir con ledicia
na miña nenez…
 Olor de resina,
calor de verán,
vestidiño azul
chocolate e pan

 O cri cri dos grilos
 Que están no burato,
 O estalo das piñas,
coa calor de xullo,
frondas de  carballos,
pólas de salgueiros
na beira do río…
auga de cristal
con moitos remansos
frenados nas pedras
con cen pitas cegas
andando na auga
de lado e revés…

 Alí sopra o vento
nas pólas escuras.
 Vento de setembro,
ímonos pra escola
cos libros forrados
olor de cadernos
e zapatos novos…

 Choviscas, nevadas,
xeadas e frío…
tempo de matanza,
castañas e viño…


 ¡Ai, miña nenez!
¿Onde te quedaches
pra nunca volver?
Nos montes, nos ríos,
nas leiras, nas eiras,
nos campos de trigo,
no campo da festa,
na flor do pampillo
no atrio da igrexa
onde ía xogar,
nas pedras, nas herbas;
no olor das figueiras
na terra mollada
na casa pechada…

_¿Onde ides nenos?
_Imos a xogar.
_Ide meus neniños,
se atopades onde,
Un dragón malvado,
anda polo ar.
Respira, resopla,
funga, rosma e queima…
Os nenos e nenas
Cantaron a coro:
“Fagamos goberno
coas bestas do monte:
os lobos, os golpes,
algún cervatiño,
os merlos, as aguias,
correde a voz lonxe,
que todos se enteren
de que hai que loitar.”

_Buscade o consello,
nos vosos maiores,
escoitade contos,
e pintade cores.
 Un pobo precisa
de todo o que é seu,
sen medos, vergoñas,
nin falsos valores.
 Esta terra espera  
os azuis do mar                                                    
voltar a ter cores:
os verdes das herbas
as nubes de auga
e os ceos de ar.
Será.
                          Mar Eume

NO CEIP SOFÍA CASANOVA GOZAMOS DA NOSA TERRIÑA VERDE



POR ISO, CONCIENCIÁMONOS DO DANO PRODUCIDO POLOS LUMES DA PASADA FIN DE SEMANA NOS NOSOS POBOS E MONTES E ANALIZAMOS AS NOVAS QUE NOS ÍAN CHEGANDO DOS DIFERENTES MEDIOS DE INFORMACIÓN.








mércores, 18 de outubro de 2017

TEMOS MOITO CONTO!

Dámosvos a benvida a este novo curso 2017-2018 cunha nova actividade que vos propoñemos dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. 
Con "TEMOS MOITO CONTO!", os rapaces e as rapazas contaredes un conto en galego aos pequenos e pequenas.

Hoxe comezamos esta andaina con Marta, Sara e Antía, do sexto curso, que foron ás dúas aulas de 3 anos para contarlles O poliño da abeleira... fixéronno de maravilla!




Agardamos as vosas historias!!

Resumo do curso 2016-2017

Rematado o curso 2016-2017, as compoñentes do Equipo de Dinamización da Lingua Galega botamos a vista atrás lembrando todo o traballado realizado no referente a "Castelao, pintor".


Logo de traballar os aspectos máis destacables da biografía de Castelao, mergullámonos de cheo na súa pintura.

Adaptación realizada polo alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria
 Adaptación realizada polo alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria

Determinadas obras da banda deseñada foron debuxadas cooperativamente polo alumnado dos niveis superiores, para facer unha exposición polos exteriores do colexio. 




Organizamos un concurso entre niveis para confeccionar unha camiseta que serviu de agasallo aos finalistas do Certame Literario, que se celebra no cole dende hai anos.
Cada aula tivo que escoller un debuxo de Castelao e poñerlle un diálogo.






A entrega de agasallos aos finalistas do Certame Literario fixémola coincidir coa semana do Día das Letras Galegas 2017. Para isto organizamos unha grande acto solemne. 


Ata gozamos da música tradicional galega da man tanto do alumnado coma do persoal non docente do centro e mesmo de persoas alleas a el.



Para rematar o curso, publicamos a revista Punto e Coma, na que se recollen artigos realizados polo alumnado e docentes relacionados coas distintas datas sinaladas ao longo do curso.