Había unha vez... un novo curso escolar que estaba a piques de comezar. Un curso cheo de ilusións, aventuras, descubrimentos e, sobre todo, moitas historias por vivir.
Este curso, no noso cole, imos mergullarnos no marabilloso mundo dos contos clásicos, eses relatos que nos acompañan desde sempre, que nos fan soñar, rir, imaxinar e aprender. Co lema «Colorín colorado», abriremos as portas de castelos encantados, percorreremos bosques misteriosos, coñeceremos personaxes fascinantes e descubriremos que cada conto agocha unha morea de ensinanzas.
Ao longo desta viaxe, os libros serán os nosos mapas, a imaxinación as nosas ás e a creatividade a nosa mellor compañeira. Xuntos e xuntas daremos vida a novas aventuras, compartiremos experiencias e escribiremos unha historia moi especial: a do noso curso escolar.
Preparados e preparadas para pasar a primeira páxina?
Que comece a maxia! Porque esta historia acaba de comezar... e promete ser de conto!
Colorín colorado, un novo curso xa comezou!