martes, 2 de maio de 2023

MAIO: MES DE FLORES E DAS NOSAS LETRAS

Dende a Real Academia Galega envíannos esta comunicación que merece ser compartida polo interese que suscita.

 A nova edición da páxina web de Primavera das Letras, o proxecto da Real Academia Galega para o público infantil, ofrece xa unha serie de recursos lúdicos e didácticos para achegar a rapazada de infantil e primaria á figura e a obra de Francisco Fernández del Riego, o autor ao que este ano a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2023.

A escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo son as autoras da obra teatral As cousas de don Paco, un texto para ler, e para representar dentro e fóra das aulas, que recorre á fantasía e ao humor para presentar a figura do intelectual e do tempo que lle tocou vivir.

A sección Xoga connosco conta con fichas para colorear e actividades interactivas que irán medrando ao longo da primavera e, un ano máis, convocarase o concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras.

Na mesma páxina web está dispoñible a curtametraxe de ficción A orixe da nosa lingua guapa, un filme baseado nunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey para lles explicar aos cativos e cativas como se foi formando o galego ao longo da historia.



Ningún comentario:

Publicar un comentario